Manifesto

Publicamos o documento Por unha rede de centros de ensino de Galiza, o manifesto da Coordinadora de centros de ensino do Val Miñor.




POR UNHA REDE DE CENTROS DE ENSINO DE GALIZA

A COORDINADORA DE CENTROS DE ENSINO DO VAL MIÑOR MANIFESTA:
Na actualidade estamos asistindo a unha continua degradación do sistema público. Encadrado nel, o ensino público sofre unha evidente mingua de calidade que, co pretexto da crise, inclúe unha nova concepción da educación e discutibles reformas estruturais. O descontento que esta situación orixina na comunidade educativa  débese facer evidente dunha forma efectiva, engadindo ás accións que se están a adoptar en moitos centros de ensino, novas medidas conxuntas coas que tratamos de visibilizar o noso descontento. Medidas "mediáticas" que teñan un impacto social e que poidan ser organizadas dun xeito rápido e efectivo, procurando obter unha resposta coordinada e maioritaria.
Conscientes da necesidade de actuar, os centros de ensino públicos de infantil, primaria e secundaria, dos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), acordamos crear una coordinadora, integrada por representantes da práctica totalidade dos centros educativos públicos da nosa comarca, que funciona reuníndose periodicamente cada vez nun Centro, o que ten impulsado o coñecemento da realidade educativa do noso entorno. A Coordinadora é un movemento creado dende a base a partir da realidade do noso traballo cotián e que pretende agrupar a todo o colectivo na defensa do ensino público.
Un ensino público, gratuíto e de calidade, é un dereito que preserva a garantía da igualdade de oportunidades para todos e todas. Neste sentido as dúas liñas básicas das nosas reivindicacións son, por un lado, o rexeitamento aos recortes, o que significa, entre outras cousas, a esixencia da devolución inmediata dos haberes que ilexitimamente se nos teñen retido, a recuperación do cupo de profesores, a supresión de medidas como os descontos salariais en caso de enfermidade, feito que consideramos abusivo e indigno, e esiximos tamén o mantemento e extensión dos comedores escolares. A outra liña é a oposición á LOMCE. Neste aspecto, pedimos a retirada deste proxecto de lei por ser unha lei que transmite un espírito centralizador, segregador e elitista , ademais de non resolver os problemas que hoxe ten o ensino e que requiren un gran esforzo de consenso polas forzas políticas e sociais, así como ter en conta aos implicados na súa aplicación e desenvolvemento.
Estas liñas estanse a concretar nunha plataforma reivindicativa aberta e que recollerá as achegas dos centros que se vaian incorporando. No noso blog está publicada a relación de puntos que temos consensuado para a mobilización no Val Miñor, levados a cabo pola Coordinadora dende o mes de xaneiro e que se concretan  nos seguintes:

  • Venres negros. Os venres, día de reunión do consello de ministros, profesorado, alumnado, pais e nais e todo aquel que se identifique coa defensa do sistema público de ensino, acudimos ao centro vestidos de negro e concentrámonos nos recreos (secundaria) ou ao comezo da xornada (primaria) na entrada dos centros, manifestándonos con pancartas, música, etc.

  • Organización da manifestación do sábado 16 de marzo. A concentración reuniu a máis dun millar de persoas no parque da Ramallosa (centro neurálxico da zona), onde se procedeu á lectura de diversos manifestos por parte dos sectores representados: Coordinadora, ANPAs, alumnado e profesorado.

  •  Apoio as mobilizacións convocadas polas plataformas sindicais e outros colectivos en defensa do sector público. Como xa dixemos, somos un movemento de base, sen ningunha organización detrás, e non temos interese en substituír nin en competir con ditas organizacións do profesorado. De feito, temos convocado a tódolos sindicatos para informarlles das nosas propostas e chegar a acordos de mutua colaboración.
  •   Neste momento consideramos que é necesario dar un paso máis e espallar a nosa proposta a toda Galicia e é por iso que:


CONVOCÁMOSVOS A

  • Que  vos sumedes á marea dos Venres Negros, poñendo pancartas nas entradas dos vosos centros, facendo fotos das vosas concentracións vestidos de negro, e difundíndoas a través da prensa, das redes, do noso blog, da páxina de Facebook, e de todos os medios dos que dispoñades. A forza desta medida está na cantidade de centros que consigamos sumar, se somos poucos non tería moito efecto, pero se somos moitos poderemos mudar as cousas! Animámosvos a que a proposta a fagades a través dun claustro, e se non é posible, a escribades e a pasedes a asinar para conseguir o apoio da maioría do profesorado. A nosa experiencia é que  hai un forte malestar no noso colectivo e que hoxe é posible a unidade nun movemento amplo, forte e reivindicativo de persoas de diferentes sensibilidades e de diversas opcións políticas e sindicais na procura duns obxectivos comúns. 

  •  Que vos incorporedes á Rede de Centros de Ensino Público de Galicia. Nós pensamos que se non queremos seguir sendo “suxeitos pacientes”, seguir estando mangoneados, ignorados e ninguneados, se, pola contra, queremos ter capacidade de resposta e de decisión por nós mesmos, temos que crear espazos de participación, colaboración e decisión. Hoxe isto é posible a través das redes sociais e por iso estamos a crear a nosa. O esforzo que se pide  é pequeno e a forza e a capacidade de resposta que nos proporciona é moi grande. E como o marco de referencia galego non é suficiente,  esta rede, a súa vez,conectaríase coa que se está a crear a nivel estatal da MAREA VERDE, de aí o nome do noso blog.

Para podervos incorporar á rede,  enviade un correo mareaverdedoensino@gmail.com,  no que figuren os nomes e direccións electrónicas dos profesores representantes do voso centro, e nós vos habilitaremos para que podades subir as vosas fotos, facer propostas, informar sobre accións, etc. É tamén importante que creedes coordinadoras de centros por comarcas ou cidades, isto nos permitiría organizar accións conxuntas e acadar unha maior forza e visibilidade.
Un saúdo

Se queredes máis información, aquí estamos,


mareaverdedoensino.blogspot.com.es 
Facebook: Venres negros Val Miñor 
mareaverdedoensino@gmail.com


Val Miñor, 17.04.2013

No hay comentarios :

Publicar un comentario